2ªFASE DO PLAN DE EMERXENCIA EN RISCO DE SECA

O Concello de Coirós está a traballar na elaboración do Plan de emerxencia de seca municipal, que comprenderá as accións a desenvolver en caso de que se produzan situación de escaseza da auga.

Descrición do proxecto

A seca é un fenómeno global que se produce cando a dispoñibilidade da auga é menor do habitual.

A principal causa das secas é a falta de precipitacións. Este tipo de seca denominase seca meteorolóxica, e, cando este fenómeno é persistente no tempo, pode derivar na seca hidrolóxica.

Os modelos de cambio climático prognostican que os períodos de seca faranse máis recorrentes nos próximos anos.

Tendo en conta que o uso da auga é totalmente necesario para a vida, e que a falta de esta pode provocar importantes consecuencias para a sociedade, a economía, a natureza e a saúde, é moi importante poñer todos os recursos que estean nas nosas mans, para evitar, ou polo menos minimizar, os efectos de este escenario. Planificar é anticiparse ao problema.

O obxecto do plan de seca é servir coma ferramenta que complemente a planificación estatal e autonómica na materia a unha escala de detalle centrada no termo municipal para que dende unha perspectiva de xestión preventiva se mellore o sistema de abastecemento, se determine a vulnerabilidade deste e se minimicen os efectos negativos que poidan producir os escenarios de seca, nun contexto de cambio climático.

O plan de seca servirá tamén para abordar aqueles aspectos da xestión ordinaria que servirán para anticipar as posibles continxencias con un traballo de prevención e adaptación en períodos de normalidade climática.

No proceso de confección do plan de emerxencia e xestión do risco de seca, farase unha análise e identificación de parámetros do sistema de abastecemento, como son:

  • O diagnóstico das debilidades e fortalezas do sistema do ciclo integral da auga.
  • A identificación de zonas, poboacións e actividades vulnerables fronte a un evento de seca para prestarlles unha maior atención.
  • A valoración de indicadores de vulnerabilidade, que haberán de ser informativos sobre os aspectos nos que o concello presente debilidades ou fortalezas fronte á seca, e que permitirán definir as medidas correctoras que será necesario aplicar.
  • A definición dos distintos escenarios de seca, de alerta e emerxencia, e as condicións desencadeantes, tendo en conta a posible incapacidade do sistema de satisfacer as demandas.

O plan de seca estará vinculado cos obxectivos da planificación hidrolóxica e polo tanto asume os seus principios: prevención, conservación e recuperación do bo estado das augas, uso sostible, participación pública e racionalidade económica.

Programa do taller participativo

2.-TALLER 2.-Sesión 2.0: Presentación. Esta sesión inclúe as seguintes actividades:

  • Introdución.
  • Presentación do estado actual do Ciclo integral da auga. Vulnerabilidades e fortalezas do sistema de abastecemento no Concello de COIRÓS: Contexto e análise dos datos recollidos no taller 1.

2.1.-TALLER 2.1.- IDENTIFICACIÓN DE ZONAS, POBOACIÓNS E ACTIVIDADES VULNERABLES.

Sesión 2.1.1. Obxectivos do taller.

Sesión 2.1.2. Identificación de zonas, poboación e actividades vulnerables.

2.2.-TALLER 2.2.- DEFINICIÓN DE ESCENARIOS E DAS MEDIDAS PARA CADA ESCENARIO.

Sesión 2.2.1. Obxectivos do taller.

Sesión 2.2.2. Identificación de escenarios.

Sesión 2.2.3. Identificación de medidas para cada escenario.

2.3.-Sesión 2.3.- Enquisa

Segundo o plan que establece Augas de Galicia, é preciso utilizar unha metodoloxía participativa na que implicar a axentes locais implicados e á veciñanza que poida aportar información e propostas para o ben común e poder determinar as mellores solucións para cada escenario.

A participación realizarase de forma telemática a través de talleres en liña, polo que dende o Concello animamos a participar a través de dous talleres.

Mais información e acceso ós talleres participativos:

http://planemerxenciaseca.gal/coiros