03/10/2022
Os axentes inmobiliarios e os administradores de fincas poderán inscribirse como entidades colaboradores partir do próximo martes despois de que hoxe saira publicada no DOG a Resolución do 21 de setembro de 2022 pola que se regula o Programa de mobilización de vivendas para o alugamento.
Este novo programa, co que se espera poñer no mercado unhas 300 vivendas, inclúe beneficios tanto para o propietario do inmoble como para os interesados en arrendalo.
Así, os donos das vivendas que se adhiran a esta iniciativa terán garantidos seguros gratuítos fronte a impagos e multirrisco do fogar, cuxo custo asumirá o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), así como asistencia xurídica, en caso de ser necesario, durante un prazo máximo de cinco anos. Esta cobertura contará cun financiamento de 812.000 euros.
No que respecta aos inquilinos, este programa permitirá acceder a unha vivenda cun prezo accesible a aquelas persoas que estean inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda de Galicia, que destinen o inmoble a residencia habitual e que acrediten que os ingresos da unidade de convivencia están nos rangos establecidos.
Tanto arrendadores como arrendatarios poderán beneficiarse doutras liñas de financiamento postas en marcha polo Goberno galego. Deste xeito, os propietarios poderán optar ás subvencións, por exemplo, do programa Rehaluga que se encontra pendente de convocatoria para realizar as reformas que poida requirir o inmoble despois de levar un tempo en desuso. E, no que respecta aos inquilinos, poden solicitar calquera das axudas ao alugueiro xestionadas pola Xunta como o bono de alugueiro social ou o novo bono alugueiro mocidade.
Información do programa
Comunidade>Outros sistemas>Vivenda>Programas>Programa de mobilización de viviendas para o alugamento