TEATRO: BERNARDA

Domingo 16 de xuño

Centro social

18h

  1. Unha vila de Galicia. Bernarda queda viúva o mesmo día da morte de Franco.
    Quédanlle dúas fillas mozas e xemelas . Bernarda decreta o estado de loito. Durante dous anos non poden ver a televisión, nin escoitar a radio, nin ler revistas. Durante dous anos só poden saír da casa para ir á misa, á tenda ou ó cemiterio. Durante dous anos as contras deben estar pechadas día e noite. Fóra, a sociedade da transición está
    cambiando. Dentro, Bernarda fai todo o posible para que eses cambios non entren na súa casa.

“BERNARDA” é unha historia próxima, comprensible e universal.
Este choque xeracional, que como na vida mesma tamén ocorre en “BERNARDA”, por veces fainos chorar, porque ás veces as situacións vólvense tensas e duras, e por veces fainos rir, porque igual que na vida, ata nas situacións máis extremas xorde a risa como unha necesidade de desafogo e de liberación. Isto é o que en “BERNARDA” demos en chamarlle, humor de tanatorio ou risa de funeral, que tamén é unha constante durante todo o espectáculo.
Bernarda é unha muller dura e loitadora, produto da vida que lle tocou vivir, cunha infancia dura de posguerra que a forxou nuns principios ríxidos e inamovibles. Ao morrer o marido ten que asumir o papel de pai e de nai, e educa ás súas fillas como mellor sabe, como aprendeu, e todo o que fai non o fai por mal, todo o contrario, faino porque pensa que é o mellor para elas. As fillas, en cambio, non o ven así, aínda que como tamén entre elas son diferentes, discuten moitas veces sobre se no fondo Bernarda é pobriña ou é mala.
Bernarda non entende a música yeyé, nin as minisaias, nin os guateques, nin ningunha das novas modas da xuventude da época, e a súa intención é moi clara: “Mentres eu viva, nesta casa non vai cambiar nada e as
cousas vanse facer como se teñen que facer.” O público presente coñecerá se chega a conseguilo ou non.

BERNARDA (Vilalba 1975)
XXIV Premios MAX (2021): Candidata a Mellor Espectáculo Premios María Casares

2020: Mellor espectáculo Mellor Texto orixinal Mellor Dirección Mellor actriz secundaria” (Celia González) “Premio do público na XLI Mostra de Teatro Galego de Cariño”
Compañía: Malasombra producións ( www.malasombra.gal )

Título do espectáculo: BERNARDA (Vilalba1975)

Xénero: Drama con moito humor!

Clasificada: Adultos Recomendada: A partir de 14 anos

Duración: 75 minutos

Contacto para entrevistas prensa: Xoque Carbajal (696 46 29 29)
Ficha artística
Elenco: Luisa Merelas, Esther Aja e Celia González
Autoría: Jose Prieto Dirección: Jose Prieto e Xoque Carbajal Escenografía: Kukas Iluminación: Xoque Carbajal

Espectáculo financiado pola Deputación da Coruña a través da Rede Cultural