O Concello de Coirós aproba unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais

O alcalde do Concello de Coirós informa que, na reunión celebrada o pasado 9 de outubro, a Xunta de Goberno Local aprobou a seguinte Declaración Institucional con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, que se conmemora cada ano o 15 de outubro.

A través desta declaración, o Concello de Coirós reafirma o seu compromiso co recoñecemento do papel fundamental das mulleres no desenvolvemento do medio rural, así como coa promoción da igualdade de oportunidades e a visibilización das súas achegas á sociedade.

A continuación, publícase o texto íntegro da Declaración Institucional aprobada:

O Concello de Coirós súmase á conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais, que se celebra cada 15 de outubro, para recoñecer e poñer en valor o papel fundamental que as mulleres desempeñan na vida das nosas parroquias e no desenvolvemento económico, social e cultural do noso municipio.

As mulleres rurais son parte esencial da historia e do presente de Coirós. Mulleres que traballan, coidan, emprenden, participan na vida comunitaria, manteñen vivas as tradicións e contribúen día a día á construción dun rural máis dinámico, sostible e con futuro.

Moitas veces, o seu traballo permaneceu invisible ou pouco recoñecido, por iso, esta data é tamén unha oportunidade para visibilizar o seu traballo, recoñecer as súas achegas e reivindicar a igualdade de oportunidades.

Desde o Concello de Coirós consideramos necesario seguir avanzando na eliminación das desigualdades que afectan ás mulleres que viven e traballan no rural, favorecendo o seu acceso ao emprego, á formación, aos recursos económicos, á participación social e á toma de decisións.

Do mesmo xeito, queremos poñer en valor o importante papel das mulleres como motor de desenvolvemento e de fixación de poboación no rural, así como a súa capacidade para impulsar iniciativas, crear actividade económica e fortalecer as redes de apoio e convivencia das nosas parroquias.

Porque falar de futuro para Coirós é tamén falar de mulleres con voz, con oportunidades e con capacidade para decidir sobre as súas propias vidas e sobre o futuro do lugar no que viven.

Por todo isto, o Concello de Coirós:

MANIFESTA

  1. O seu recoñecemento a todas as mulleres rurais de Coirós e á súa contribución ao desenvolvemento e á vida do municipio.
  2. O compromiso de seguir traballando pola igualdade real de oportunidades entre mulleres e homes, prestando especial atención ás necesidades das mulleres que viven no rural.
  3. A necesidade de visibilizar e recoñecer o traballo das mulleres, tanto remunerado como non remunerado, e especialmente o traballo de coidados, esencial para a sustentabilidade das familias e das comunidades.
  4. O compromiso de promover a participación das mulleres na vida social, económica, cultural e política do municipio, favorecendo que as súas voces estean presentes nos espazos de decisión.
  5. A vontade de continuar impulsando desde o Concello actuacións que contribúan á autonomía, ao benestar e ao empoderamento das mulleres de Coirós.

Neste 15 de outubro, queremos lembrar e agradecer a todas esas mulleres que, desde as nosas casas, explotacións, negocios, asociacións, lugares de traballo e espazos comunitarios, contribúen cada día a facer Coirós máis vivo, máis igualitario e con máis futuro.

Por elas. Por nós. Por un rural con igualdade e con futuro.