Augas de Galicia elimina o canon da auga a establecementos hosteleiros que disminuiran a actividade

O DOG do pasado 4 de novembro publica a “orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade autónoma de Galicia”.

En aras de axudar a estes sectores económicos mais afectados e castigados, Augas de Galicia ven de incorporar na Lei de medidas fiscais e administrativas para o ano 2021, unha disposición dirixida a eximir o pagamento do canon da auga ou do coeficiente de vertedura ou consumos de auga correspondentes aos periodos de facturación comprendidos entre o 5 de novembro de 2020 e a data na que se levante a declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020 nos establecementos que teñan diminuído significativamente a súa actividade no dito periodo, isto é que os consumos realizados sexan iguais ou inferiores ó 25% do consumo realizado no periodo de facturación inmediatamente anterior ao 5 de novembro de 2020. Os establecementos incluídos en dita medida son:

  • Establecementos de restauración: restaurantes, salóns de banquetes, cafeterías e bares.
  • Salas de festas, discotecas, pubs, cafés espectáculo e furanchos.
  • Hoteis e aloxamentos turísticos.
  • Albergues turísticos.