Axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo

Normativa

Resolución do 15 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021.(DOG nº 125 do 02/07/2021) SI440A

Obxecto

Establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras e as familias monoparentais que, entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta resolución.

Persoas beneficiarias

Persoas físicas que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %, e que reúnan os seguintes requisitos:

  1. No caso de unidades familiares non monoparentais, co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido no artigo 6 desta resolución e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
  2. No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido no artigo 6 desta resolución e sexa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

Entenderase por familia monoparental, segundo o artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e a disposición derradeira terceira da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, que se refire á Modificación da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia, no seu punto 2, o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas ao seu cargo, nos seguintes supostos:

  1. Os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.
  2. As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.
  3. As familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida.

Requisitos das persoas solicitantes:

  1. Estaren empadroadas en calquera concello da Comunidade Autónoma galega, como mínimo, desde o 1 de xaneiro de 2020 e manteren esta condición durante todo o período subvencionable.
  2. Conviviren coa filla ou o fillo durante o período subvencionable. Nos casos en que exista un acordo de custodia compartida, computarase o tempo de convivencia e o cálculo do período obxecto da subvención en proporción, segundo os termos do citado acordo.
  3. No caso de familias non monoparentais, a persoa cónxuxe ou parella deberá ser unha persoa traballadora por conta allea ou ben autónoma e manter esa situación durante todo o período subvencionado. Entenderase cumprido este requisito cando, existindo períodos non traballados, a suma destes non supere 30 días naturais dentro do período subvencionado, sexa este continuado ou fraccionado. Excepcionalmente, debido a causas xustificadas debidamente acreditadas derivadas da situación de crise sanitaria pola COVID-19 e da declaración do estado de alarma, no cómputo dos períodos non traballados non se terá en conta o tempo de suspensión do contrato de traballo como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego que teña a súa causa na declaración do estado de alarma.
  4. Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2020.
  5. Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

En ningún caso poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a súa tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.

Accións subvencionables

1. A redución da xornada de traballo (alomenos do 12,5% da xornada ou porcentaxe equivalente se é a tempo parcial) para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que, cumprindo os requisitos establecidos neste artigo, adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo.

2. O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito (8) meses comprendidos entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive. Para determinar o período subvencionable, terase en conta o seguinte:

  1. Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada en que se cumpran os requisitos entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, co límite máximo de oito (8) meses. No caso de familias non monoparentais, para o cómputo do período total subvencionable terase en conta o disposto na letra c) do artigo 5.2 desta resolución.
  2. O período para o cal se solicita a subvención non pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou da súa persoa cónxuxe ou parella. De se producir este suposto, o período coincidente non se terá en conta no cómputo do período subvencionable. Excepcionalmente, no caso de que a parella desfrute o permiso de maternidade a media xornada, para o cálculo do período subvencionable só se considerará como período coincidente a metade do período do permiso por maternidade.

Non obstante, si se computará o período coincidente cando se trate do permiso de maternidade da persoa cónxuxe ou parella que estea orixinado polo nacemento ou acollida doutro fillo/a no transcurso do período subvencionable.

Contía das axudas

Determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, de acordo cos seguintes tramos:

  1. Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 1.700 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300 euros.

     b. Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período

         equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 2.800 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

     c.Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % e ata o 50 % ou máis dunha xornada laboral a tempo completo ou período

        equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 3.100 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700 euros.

Para o cómputo do número de fillos e fillas, teranse en conta unicamente os fillos e fillas menores de 12 anos, incluídos aqueles polos cales se solicita a redución de xornada.

A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior a 8 meses. Para o cálculo da contía da axuda computaranse meses de 30 días.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar a solicitude (anexo I) xunto coa seguinte documentación:

  1. Anexo II. Para unidades familiares monoparentais exclusivamente. Declaración responsable de non convivencia co/coa proxenitor/a e con outra parella ou relación análoga.
  2. Anexo III. Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (cónxuxe ou parella).
  3. Certificado de convivencia das persoas que viven no domicilio, agás que a non convivencia resulte acreditada noutros documentos achegados xunto coa solicitude e só para o caso de familias monoparentais que non dispoñan de certificado de monoparentalidade.
  4. Documento da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (IDC, facilitado pola empresa) no cal se acredite a situación de redución de xornada por coidado de fillo/a menor durante o período polo cal se solicita a axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.), certificación en que se acredite a referida situación en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica. No suposto de que durante o período de redución de xornada polo cal se solicita a axuda se produza un aumento ou diminución da porcentaxe inicial de redución da xornada de traballo, deberase presentar un documento acreditativo por cada período diferente, no cal se reflectirá cada variación como un período independente. Igualmente, se a redución de xornada non se desfruta de modo ininterrompido, deberá reflectirse separadamente cada un dos períodos nos cales se estivo nesta situación.
  5. Para o caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.), certificación acreditativa equivalente á vida laboral relativa á persoa cónxuxe ou parella, en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica. A documentación a que se refiren os ditos puntos 1.d), e e) deste artigo requirirase novamente coa documentación xustificativa que acompaña o anexo IV, de solicitude de pagamento, sempre que o período subvencionable sexa superior ao período xustificado no momento de presentar a solicitude de axuda ou da emenda no seu caso.
  6. De ser o caso, certificación ou resolución do recoñecemento do dereito do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), relativa ao desfrute do permiso de maternidade en datas comprendidas entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, da persoa solicitante ou da persoa cónxuxe ou parella, relativo ao fillo ou filla por quen se solicita a axuda, ou certificación acreditativa equivalente no caso doutro sistema de previsión social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.).
  7. Libro de familia completo ou inscrición no rexistro.
  8. Convenio regulador ratificado polo xulgado da nulidade, separación ou divorcio, se é o caso.
  9. Nos supostos de adopción, resolución xudicial pola cal se constitúa a adopción.
  10. Resolución administrativa ou xudicial de acollemento familiar dos fillos e fillas menores de 12 anos na dita situación, de ser o caso, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.
  11. Resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % dos fillos ou fillas menores de doce anos, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.

Lugar de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado  dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Prazo

Un mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria. Ata o 3 de agosto de 2021.