Axudas a traballadores/as con 55 ou máis anos, afectadas pola extinción de contratos por procederen de empresas en crise

Normativa

Orde do 26 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se regulan as axudas destinadas ás persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen de empresas en crise, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021(DOG nº 123 do 23/6/2020) ). TR820E

Obxecto

Axudar a paliar a situación económica de persoas traballadoras afectadas, con 55 ou máis anos de idade, pola extinción dos seus contratos de traballo por procederen dunha empresa en crise, a través dos seguintes programas:

  • Programa I. Axudas destinadas a financiar as cotas que ingresarán polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social.
  • Programa II. Axudas de pagamento único dirixidas a compensar as persoas traballadoras da diminución do importe da indemnización recoñecida como consecuencia de sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor daquelas, a causa dos referidos despedimentos ou extincións de contratos, cando esta é aboada polo Fondo de Garantía Salarial (Fogasa), xa que nestes supostos a indemnización está sometida aos límites establecidos no artigo 33.2 e 33.3 do Estatuto dos traballadores (ET).

Programa I. Axudas destinadas a financiar as cotas que ingresarán polo convenio especial que teñan subscrito ou subscriban coa Seguridade Social

Requisitos das persoas beneficiarias:

1. Que a persoa traballadora estea incluída nalgún dos supostos seguintes:

  1.  Que se teña extinguido os seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada insolvente.
  2. Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa declarada en concurso.
  3. Que se teña extinguido o seu contrato de traballo por algunha das causas do artigo 49.1.g) do Estatuto dos traballadores; este aspecto debe estar expresamente recollido na carta de despedimento ou sentenza declarativa.
  4. Que se teña extinguido o seu contrato de traballo como consecuencia do peche da empresa fundada nalgunha das causas contidas nos artigos 51 e 52.c) do Estatuto dos traballadores, sempre que ambos os aspectos, peche da empresa e causa de extinción do contrato, se recollan expresamente na sentenza declarativa do despedimento ou carta de despedimento; esta última debe vir acompañada, en todo caso, pola autorización da persoa representante da empresa para consultar os datos do seu peche ante a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

2. Que a persoa traballadora cumpra un dos seguintes requisitos:

  1.  Que no momento da presentación da solicitude o derradeiro contrato de traballo sexa algún dos sinalados no número 1.
  2. Que no momento da presentación da solicitude non transcorreran máis de 4 anos desde que se produciu a extinción do contrato de traballo dos sinalados no número 1, aínda que con posterioridade teña tido algún contrato de traballo. Nestes casos a finalización do derradeiro contrato non debera producirse por dimisión da persoa traballadora prevista no artigo 49.1.a) e d) do Estatuto dos traballadores.

3. Que o centro de traballo da empresa estea situado en Galicia.

4. Que a antigüidade na empresa sexa dun mínimo de tres anos.

5. Que conte con 55 ou máis anos de idade.

6. Ter esgotada a prestación contributiva por desemprego.

7. Que a base de cotización media por continxencias comúns dos últimos seis meses de ocupación cotizada na empresa  non supere o importe de 2.600 euros.

Nos supostos do número 2.b), para o cálculo da cotización media por continxencias comúns, ademais do anterior tomaranse tamén as bases de cotización pola dita continxencia correspondentes á ocupación cotizada do derradeiro contrato de traballo.

8. Ter subscrito, ou comprometerse a subscribir no período subvencionable, convenio especial coa Seguridade Social, conforme o disposto na Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, polo que se regula o convenio especial co sistema da Seguridade Social, nos termos establecidos no artigo 4.2 da presente orde.

Contía e duración da axuda

  • A contía mensual será o importe da cota que cómpre aboar por convenio especial á Tesouraría Xeral da Seguridade Social co límite de 500 euros/mes, sendo o límite total da axuda 6.000 euros.
  • A duración da axuda será como máximo de 12 mensualidades consecutivas, dentro do período subvencionable que se estableza na convocatoria correspondente.
  • O cómputo do período de 12 mensualidades comezará a contar coa primeira mensualidade que sexa obxecto de axuda e en ningún caso poderá interromperse.
  • A primeira cota imputable á axuda regulada na presente convocatoria será a correspondente ao mes de outubro de 2020, agás que o convenio especial obxecto de axuda tivese como primeira cota mensual unha posterior a esa data.
  • A derradeira cota imputable á axuda regulada na presente convocatoria será a correspondente ao mes de setembro de 2021, agás que o convenio especial tivese como cota mensual unha anterior a esa data.

Xustificación e pagamento

  1. A xustificación farase mediante a achega dos documentos bancarios das transderencias acreditativos do ingreso das cotas correspondentes ao convenio especial coa Seguridade Social, nos prazos que se sinalan no número seguinte.
  2. O pagamento terá carácter trimestral,considerando como trimestres os naturais do ano.

Documentación

  1. Copia da documentación fidedigna que acredite a representación, no suposto de actuar mediante representante.
  2. Acreditación de proceder dunha empresa en crise .
  3. Acreditación das bases de continxencias comúns.
  4. Anexo II. Declaración dos datos do convenio especial subscrito ou compromiso de subscrición de convenio especial coa Seguridade Social coa acreditación da súa solicitude de subscrición e da súa formalización tras a notificación da concesión da axuda

Programa II. Axudas dirixidas a persoas traballadoras con 55 ou máis anos de idade en situación de despedimento ou extinción de contrato conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, en empresas declaradas insolventes ou en procedemento concursal, por procederen dunha empresa en crise

Requisitos das persoas beneficiarias

  1. Que, durante o período a que se estende a axuda que figurará na convocatoria, se extinguise o seu contrato de traballo por despedimento ou conforme os artigos 50, 51 e 52 do Estatuto dos traballadores, por proceder dunha empresa en crise, ao ter sido declarada insolvente ou en concurso. Tamén se considerará que o contrato se extinguiu nunha empresa insolvente, aínda que non se producise tal declaración de insolvencia, cando a extinción da relación laboral tivese lugar con anterioridade á declaración de concurso de acredores da empresa, sempre que os créditos laborais procedentes da indemnización pendente de cobramento da persoa traballadora se incorporasen ao procedemento concursal.
  2. Que o importe de indemnización aboado polo Fogasa sexa inferior ao recoñecido en sentenza, auto, acto de conciliación xudicial ou resolución administrativa a favor da persoa solicitante.
  3. Que o centro de traballo da empresa onde prestaba servizos a persoa traballadora estea localizado en Galicia.
  4. Ter feitos os 55 anos ou máis.
  5. Que a antigüidade na empresa de que procede sexa dun mínimo de tres anos.

Contía e duración da axuda

 Consistirá nunha cantidade a tanto global, e que en ningún caso poderá superar a cantidade deixada de percibir en concepto de indemnización poderá chegar a ser a seguinte:

  1. Persoas traballadoras cunha antigüidade na empresa de entre 3 e 10 anos e cunha base de cotización media por continxencias comúns dos últimos seis meses de ocupación cotizada igual ou inferior a 1.900 euros: a axuda será de 1.350 euros. Se a súa base de cotización media é superior a 1.900 euros, a axuda será de 1.085 euros.
  2. Persoas traballadoras cunha antigüidade na empresa superior a 10 anos e cunha base de cotización media por continxencias comúns, durante os últimos seis meses de ocupación cotizada, igual ou inferior a 1.900 euros: a axuda será de 1.950 euros. Se a súa base de cotización é superior a 1.900 euros, a axuda será de 1.565 euros.

Xustificación e pagamento

  1. A xustificación da axuda entenderase efectuada coa presentación da documentación necesaria para a súa concesión dentro do prazo de presentación de solicitudes.
  2. Pagamento. Unha vez ditada a resolución da concesión da axuda, procederase ao aboamento do cen por cento desta, mediante transferencia bancaria á conta designada pola persoa solicitante na súa solicitude, logo de xustificación dos requisitos exixidos.

Documentación

Coa solicitude (anexo I) achegarase a seguinte documentación:

  1. Copia da documentación fidedigna que acredite a representación, no suposto de actuar mediante representante.
  2. Informe de vida laboral actualizado.
  3. Nóminas dos últimos seis meses de ocupación cotizada ou ben certificado de bases de cotización do mesmo período.
  4. Para os supostos de despedimento ou extinción que se produzan en procedemento concursal: copia da resolución xudicial.
  5. Para os supostos de despedimento ou extinción que se produzan en empresas declaradas insolventes: resolución xudicial pola que se declarou a insolvencia da empresa ou, para o caso de que con posterioridade fose declarada en concurso, certificado de débeda expedido polos administradores do concurso en que conste a presenza da persoa solicitante da axuda dentro da relación de acredores.
  6. Resolución xudicial, administrativa ou, se é o caso, certificado expedido polos administradores concursais, onde se constate o recoñecemento do dereito da persoa traballadora a percibir a indemnización que lle corresponda, así como a súa contía.
  7. Resolución do Fogasa pola que se recoñece á persoa traballadora o dereito a percibir a indemnización nos límites do artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Compatibilidade

Estas  axudas serán incompatibles con outras axudas públicas que se percibisen para a mesma finalidade e período subvencionable e tamén serán incompatibles entre si as axudas dos dous programas.

Lugar de presentación

  • Preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
  • Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo

Comezará o día seguinte ao da publicación no DOG da convocatoria para cada exercicio e permanecerá aberto, con carácter permanente, ata o 31 de outubro de cada exercicio.