Axudas ao alugamento de vivendas do Plan estatal de Vivenda 2018-2021 – VI432A

Normativa

Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual (DOG nº 172 do 11/9/2019) VI432A

ORDE do 17 de abril de 2020 pola que se modifica a Orde do 2 de agosto de 2019 (DOG nº 77 do 22/4/2020) Segundo o establecido no artigo 21 das bases reguladoras, a xustificación dos pagamentos das rendas mensuais realizarase utilizando o modelo normalizado para a achega de documentación xustificativa dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben na área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, a través dun extracto ou dun certificado bancarios, de acordo co establecido nos artigos 42 e 60 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. No caso de contratos de alugamento vixentes en 1 de xaneiro de 2018 ou celebrados con posterioridade a esta data e con anterioridade á notificación da resolución de concesión, o pagamento da renda das mensualidades anteriores á data da resolución de concesión deberase xustificar nos dez primeiros días naturais, contados desde a notificación da citada resolución.  Para o suposto da liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, cando non se dispoña de contrato no momento de presentación da solicitude, deberase xustificar o pagamento da primeira mensualidade no momento de achegar o contrato xustificativo da subvención. Nos casos de non terse xustificado o pagamento mensual da renda no prazo establecido, perderase o dereito ao cobramento da subvención do citado mes». «Artigo 35. Pagamento da subvención O ingreso da subvención realizarase unha vez xustificado o correspondente pagamento da renda mensual, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria da subvención sinalada para estes efectos no anexo III».

Obxecto

Convocar para o ano 2021 os seguintes programas de axudas ao alugamento de vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021:

  • Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: a súa finalidade é facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante a concesión de axudas directas ás persoas inquilinas. 
  • Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: a súa finalidade é facilitar o acceso ao desfrute dunha vivenda digna e adecuada, en réxime de alugamento, a persoas menores de 35 anos con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas inquilinas.

Persoas beneficiarias e requisitos

1. Liña A, axuda ao alugamento de vivenda:  persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:

  1. Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.
  2. Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e cuxos efectos económicos sexan anteriores ao último día do prazo de presentación de solicitudes.
  3. Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de convivencia durante todo o período polo cal se conceda a axuda. Deben constar todos empadroados na dita vivenda na data da presentación da solicitude.
  4. Que a renda mensual da vivenda alugada non supere os importes establecidos no artigo 10.
  5. Que os ingresos das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 2 veces o IPREM.. Este límite será de 4 veces o IPREM., se a unidade de convivencia é unha familia numerosa de categoría xeral ou ten persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O límite será de cinco 5 veces o IPREM. cando a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con algún dos seguintes tipos de discapacidade:
    • Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
    • Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
  6. Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,7 veces o IPREM. Para o cómputo destes ingresos non serán de aplicación os coeficientes multiplicadores previstos no artigo 12.4.

2. Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente: as persoas físicas maiores de idade que non teñan feitos os 35 anos na data de presentación da solicitude e cumpran o resto de requisitos sinalados no punto 1.

3. Non poderá concederse a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a continuación se indican:

  1. Ser propietario ou usufrutuario dalgunha vivenda en España. Non se considerará así se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito as persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten a non dispoñibilidade dela por causa de separación, divorcio ou por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou dalgún membro da súa unidade de convivencia.
  2. Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora da vivenda.
  3. Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.
  4. Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera Administración pública.
  5. Ter sido beneficiaria das axudas de calquera das dúas liñas deste programa ao abeiro de convocatorias anteriores realizadas con financiamento do Plan 2018-2021. Exceptúanse deste suposto as persoas que xa non forman parte da unidade de convivencia da persoa beneficiaria da axuda.
  6. Non atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
  7. Estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, e/ou no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como ser obxecto dunha resolución de revogación ou reintegro dunha axuda deste plan de vivenda ou doutro anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da unidade de convivencia.

Datos fiscais e valor do IPREM para a concesión das axudas

Os datos fiscais que se avaliarán nesta convocatoria para a concesión inicial das axudas corresponderán ao exercicio económico 2019. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM dese mesmo ano.

Duración e retroactividade das axudas

As axudas de ambas as dúas liñas concederanse por un prazo máximo dun ano e, en todo caso, ata o 31 de decembro de 2021, data de remate da vixencia do Plan 2018-2021.

Terán carácter retroactivo nos seguintes termos:

  • Naqueles casos en que se dispoña dun contrato con efectos económicos anteriores ao 1 de xaneiro de 2021, a axuda terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2021.
  • Para os contratos asinados entre o 1 de xaneiro de 2021 e a data de presentación da solicitude, a axuda terá efectos desde a data en que comecen os efectos económicos do contrato.

Participación nas liñas de axuda

A persoa interesada deberá optar por unha das dúas liñas de axuda previstas. De seleccionar as dúas, tramitarase pola liña A. De non seleccionar ningunha das dúas liñas, a solicitude non será admitida, ao ser un campo obrigatorio.

Só se admitirá unha única solicitude por cada unidade de convivencia. De presentar máis dunha solicitude, só se tramitará a primeira das presentadas, inadmitíndose o resto.

No caso de contratos de alugamento asinados por máis dunha persoa da unidade de convivencia, só se poderá conceder unha única axuda polo dito contrato.

Contía das axudas

Liña A, axuda ao alugamento de vivenda: será do 40 % da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento. As persoas beneficiarias que na data de presentación da solicitude teñan máis de 65 anos, esta axuda será do 50 % da renda mensual que se satisfaga polo alugamento.

Liña B, axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente, será do 50 % da renda mensual que se deba satisfacer polo alugamento.

Tanto na liña A como na liña B, a contía da axuda determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso poida ser aumentada, aínda que a citada renda se incremente ao longo da duración do contrato.

Renda das vivendas

A renda mensual da vivenda obxecto do contrato de alugamento non poderá superar os seguintes importes, dependendo do concello en que estea situada:

Zona territorialConcellos
Prezo máximo superior. 500 €A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra
Zona 1. 400 €Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo. Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba, e Viveiro. Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia. A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.
Zona 2. 300 €O resto de concellos de Galicia

Estes límites poderán incrementarse ata un 20 %, no caso de que as persoas inquilinas sexan membros de familias numerosas e estean todos eles empadroados nesa vivenda ou sexan integrantes dunha unidade de convivencia que precise unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

Documentación

Solicitude tramitación en liña ou presencial

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

  1. De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
  2. Contrato de alugamento da vivenda, con mención expresa da súa referencia catastral, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.
  3. Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da unidade de convivencia da persoa solicitante e autorización para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a identidade, residencia, datos catastrais e de titularidade de bens inmobles, ingresos, débedas e discapacidade. 
  4. Xustificante de empadroamento conxunto de todas as persoas integrantes da unidade de convivencia. Estes xustificantes deberán estar expedidos dentro dos seis meses, anteriores á data da presentación da solicitude.
  5. Documentación xustificativa dos ingresos percibidos pola unidade de convivencia, no caso de non presentar declaración do IRPF ou percibir algunha das rendas exentas previstas no artigo 7 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, acompañada da seguinte documentación: certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo INSS, certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario, certificado da contía percibida pola Risga.
  6. No caso de ingresos obtidos no estranxeiro, copia da declaración similar á do IRPF, autenticada pola correspondente delegación consular e, de ser o caso, o certificado acreditativo de equivalencia en euros do importe declarado.
  7. De ser o caso, convenio regulador de nulidade, separación ou divorcio, ou sentenza que acredite que a persoa solicitante non ten o uso da vivenda familiar, así como a documentación acreditativa de estar ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias, se for o caso, no caso das persoas separadas ou divorciadas.
  8. No caso de familias numerosas, título de familia numerosa, no suposto de non ter sido expedido pola Xunta de Galicia.
  9. Certificado de discapacidade da persoa solicitante e/ou das persoas que integran a súa unidade de convivencia, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

As solicitudes que no momento da súa presentación non vaian acompañadas dos documentos sinalados nas letras b), c) e d)  quedarán automaticamente inadmitidas.

Aquelas persoas que na solicitude indiquen que pertencen a algún dos colectivos preferentes especificados no artigo 12.5, deberán achegar a documentación xustificativa da circunstancia que lle é de aplicación, soamente cando lle sexa requirida pola Administración no caso de empate na puntuación que resulta da fórmula prevista no artigo 12 destas bases reguladoras.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente.

Prazo de presentación

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, ata o 30 de abril de 2021.

Lugar de presentación:

 Xustificación dos pagamentos mensuais 

1. A xustificación dos pagamentos das rendas mensuais desta convocatoria realizarase do seguinte xeito:

  • A xustificación do pagamento da renda das mensualidades anteriores á data de notificación da resolución de concesión e que estean dentro do prazo de retroactividade previsto na presente convocatoria deberase realizar dentro dos dez primeiros días, contados desde o día seguinte ao da notificación da citada resolución.
  • As xustificacións dos pagamentos mensuais posteriores á notificación da resolución de concesión deberase realizar dentro dos dez primeiros días naturais do correspondente mes.

Nun e noutro caso, a remisión da citada xustificación realizarase empregando o modelo normalizado que para a presentación de documentación xustificativa está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, coa achega do extracto ou o certificado bancario acreditativo do pagamento. Non obstante, tamén se admitirán, para os efectos sinalados, os extractos ou certificados bancarios realizados por empresas mediadoras ou inmobiliarias a favor da persoa arrendadora, onde quede acreditado o importe do ingreso e o seu concepto, así como os extractos ou certificados bancarios realizados pola persoa inquilina a empresas mediadoras ou inmobiliarias, sempre que se achegue un documento da persoa arrendadora autorizando a recepción dos pagamentos nesa conta bancaria dos pagamentos mensuais ou figure no propio contrato de alugamento como forma de pagamento da renda. En ningún caso se admitirán como xustificación os recibos de pagamentos realizados en metálico.

Pagamento da subvención

O ingreso da subvención realizarase unha vez xustificado o correspondente pagamento da renda mensual, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria da subvención sinalada para estes efectos no anexo I».