AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR PARA O ALUMNADO DE EDUCACIÓN PRIMARIA, ESO E EDUCACIÓN ESPECIAL


Orde do 29 de abril de 2026 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2026/27 (códigos de procedemento ED330B, ED330G e ED330H). DOG nº 90 do 18/5/2026). 

Ten por obxecto regular o procedemento ED330B:

  1. A participación no fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria (EP) e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. Nestes cursos manteranse os libros de texto do curso escolar 2025/26.
  2. Axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de EP e en educación especial (EE); así como as axudas que pode recibir o alumnado.
  3. Axudas para adquirir material escolar destinadas ao alumnado matriculado en EP, ESO e EE

Solicitude

Solicitude (Anexo I) ED330B

Comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar (Anexo II)

Poderán presentar solicitudes de participación do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar (modelo ED330B) os pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado incluído no artigo 1.2. No caso de alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, presentará a solicitude a persoa titular da dirección do centro de menores ou a persoa con que conviva en acollemento familiar.

A solicitude será única para todos os fillos e fillas e, de ser o caso, tutelados e tuteladas, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2026/27, e nela especificarase o nivel de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros, en que se incluirán os admitidos nese centro para o curso. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación Fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno aínda que estean escolarizados no mesmo centro.

Cando o alumnado, no momento de presentar a solicitude, aínda non estea admitido en ningún centro docente para o curso 2026/27, deberá presentala no centro en que estivese matriculado no curso 2025/26. Este centro rexistrará a solicitude de maneira que acredite a entrada desta en prazo e enviaraa ao centro de destino en que o alumnado resulte admitido, que será o encargado da súa gravación e tramitación.

En caso de presentación (por vía electrónica e/ou presencial) de máis dunha solicitude, a persoa solicitante deberá presentar ante o centro docente un escrito onde indique cal desexa que se tramite.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (ED330B-anexos I e II) dispoñible na aplicación informática «fondolibros» (https://www.edu.xunta.es/fondolibros), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderá presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Documentación

a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figuren o/a alumno/a e os demais membros computables da unidade familiar.

En caso de separación ou divorcio, ademais, deberán achegar a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/a menor.

Excepcionalmente, cando a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde ou non sexa posible acreditar a súa composición polos medios anteriores, poderase xustificar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios:

  1. Certificado ou volante de convivencia.
  2. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.

c) Certificado de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.

d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, cando o agresor forme parte da unidade familiar.

e) Resolución xudicial constitutiva da curatela representativa ou resolución xudicial que estableza a patria potestade prorrogada ou rehabilitada mentres non se produza a revisión desta medida.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor ou titores carezan de DNI e NIE.

h) Outra documentación.

Prazo para presentar solicitudes: iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e rematará o  día 19 de xuño de 2026 incluído.