BONO SOCIAL TÉRMICO

O bono social térmico (en adiante BST) é unha axuda xestionada pola Xunta de Galicia, con cargo ao orzamento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, destinada a compensar os gastos de subministración de enerxía para usos térmicos, como calefacción e auga quente regulado polo Real Decreto-lei 15/2018.

Teñen dereito a percibir o BST do ano 2020 os beneficiarios do Bono social Eléctrico a 31/12/2019. En concreto en Galicia son 87.076 persoas que se poden clasificar en dous grupos en función da información da que se dispón:

  • De 74.208 persoas tense toda a información necesaria para o pagamento da axuda, polo que se non renuncian a esta recibirán o pagamento sen realizar ningún trámite.
  • Das restantes 12.868 persoas non se dispón do número de conta para realizar o ingreso (12.526), de información necesaria do DNI (256) ou ambos (86), polo que se non completa esta información non se poderá realizar o pagamento aínda que non renuncien á axuda.

O Inega publicou no DOG o día 9 de novembro unha resolución pola que se notifica o dereito a percepción da axuda destas 87.076 persoas indicando a axuda que lle corresponde a cada unha e se ten que completar documentación ou non. Desde a publicación da citada resolución dáse un prazo de 10 días hábiles (23 de novembro) para presentar a documentación complementaria ou solicitar a renuncia a percepción desta. Ademais, co ánimo de chegar ao maior número posible de persoas, de xeito simultáneo, mandouse unha carta individual a cada beneficiario informando da súa situación persoal e dándolle a información de acceso a aplicación informática habilitada para a xestión do BST.

Trátase dun Formulario electrónico accesible desde ordenador, teléfono móbil ou tablet no seguinte enderezo https://appsinega.xunta.es/bonosocialtermico ao que pode acceder indicando o seu DNI (información que non irá na carta) e un código de acceso que si irá na carta. Mediante esta aplicación os beneficiarios poderán modificar a conta bancaria na que se fará o ingreso comunicada na carta personalizada, dos beneficiarios que non se dispoña de número de conta poderán comunicar un (aínda que non sexan titulares da mesma aportando neste caso copia do DNI do titular), e dos que non se dispoña de información do DNI poderán subilo a aplicación. A comunicación de información ou a renuncia tamén se poderá presentar por escrito dirixido ao Inega, pero para non demorar en exceso os pagamentos a opción preferente debe ser a través da aplicación. Como se trata de persoas vulnerables que poden ter un acceso limitado a tecnoloxía se considera de gran valor neste procedemento o apoio dos servizos sociais municipais ás persoas que o precisen.

A contía a percibir por cada beneficiario determinase atendendo ao seu grao de vulnerabilidade segundo define a normativa reguladora do bono social eléctrico, así como á zona climática na que se localice a vivenda na que se atope empadroado, todo iso en aplicación da metodoloxía contemplada no anexo I do Real Decreto-lei 15/2018

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20201109/AnuncioG0474-211020-0001_es.html