CAMPAÑA “LIBERDADE DE SER E SENTIR”

Campaña de sensibilización “LIBERDADE DE SER E SENTIR” impulsada pola Deputación da Coruña

Con motivo da conmemoración do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI+, a Área de Igualdade da Deputación da Coruña deu continuidade, un ano máis, á campaña de sensibilización “LIBERDADE DE SER E SENTIR!”, unha iniciativa consolidada que promove o respecto á diversidade afectivo-sexual, familiar e de xénero.

A través desta campaña, impulsada desde a Área de Igualdade, refórzase o compromiso institucional coa promoción da igualdade, a non discriminación e a defensa dos dereitos das persoas LGTBI+, fomentando unha sociedade máis inclusiva, diversa e respectuosa.

“LIBERDADE DE SER E SENTIR!” é un proxecto colaborativo e participativo que ten como obxectivo visibilizar a importancia da tolerancia, do respecto e da igualdade de oportunidades, independentemente da orientación sexual, da identidade ou expresión de xénero ou das características sexuais das persoas. Así mesmo, pretende sensibilizar á cidadanía e contribuír á normalización da diversidade, promovendo a implicación dos concellos, entidades sociais, centros educativos, empresas e demais axentes do territorio.

No marco desta iniciativa, a Deputación da Coruña continúa ofrecendo un programa de actividades de sensibilización que inclúe representacións teatrais, obradoiros educativos, puntos informativos e materiais audiovisuais destinados á desmontaxe de prexuízos, estereotipos e bulos relacionados co colectivo LGTBI+, favorecendo a reflexión crítica e a convivencia en igualdade.

Do mesmo xeito, a páxina web www.seresentir.gal continúa a actualizar periodicamente contidos, recursos didácticos e materiais de apoio para facilitar o traballo dos concellos, profesionais e entidades comprometidas coa promoción da diversidade afectivo-sexual e de xénero.

Co obxectivo de ampliar o alcance da campaña e favorecer a creación dunha rede de apoio e sensibilización social, promóvese tamén o uso do cancelo #SerESentir nas redes sociais en todas aquelas actividades desenvolvidas no marco desta iniciativa.