Axudas á conciliación da vida familiar e laboral para homes e fam. monoparentais que se acollan á redución de xornada
Normativa:
Obxecto
Axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores e familias monoparentais que,entre entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020 ambos incluídos, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas.
Persoas beneficiarias
As persoas físicas, homes e mulleres, que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020, ambos incluídos, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %, e que reúnan os seguintes requisitos:
- No caso de unidades familiares non monoparentais, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
- No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada e sexa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.
Entenderase por familia monoparental, segundo o artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.
Requisitos
- Estaren empadroadas en calquera concello da Comunidade Autónoma galega, como mínimo, desde o 1 de xaneiro de 2019 e manter esta condición durante todo o período subvencionable.
- Convivir coa filla ou o fillo durante o período subvencionable. Nos casos de custodia compartida, computarase o tempo de convivencia e o cálculo do período obxecto da subvención en proporción, segundo os termos do acordo.
- No caso de familias non monoparentais, o cónxuxe ou parella deberá ser unha persoa traballadora por conta allea ou ben autónoma e manter esa situación durante todo o período subvencionable. Entenderase cumprido este requisito cando, existindo períodos non traballados, a suma destes non supere o 5 % do período subvencionado, sexa este continuado ou fraccionado. Excepcionalmente, debido a causas xustificadas debidamente acreditadas derivadas da situación de crise sanitaria polo COVID-19 e da declaración do estado de alarma, no cómputo dos períodos non traballados non se terá en conta o tempo de suspensión do contrato de traballo como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego que teña a súa causa na declaración do estado de alarma.
- Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o IPREM para o ano 2019.
- Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos seus fillos/as, ou se a tutela ou garda fose asumida por unha institución pública.
Accións subvencionables
A redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. A redución de xornada terá que ser de polo menos o 12,5 % da xornada ou porcentaxe equivalente para o caso de que a xornada sexa a tempo parcial.
Poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que, cumprindo os requisitos establecidos, adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.
O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito meses comprendidos entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020, ambos inclídos. Para ter dereito á axuda deberá manterse a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos.Excepcionalmente, debido a causas xustificadas debidamente acreditadas derivadas da situación de crise sanitaria polo COVID-19 e da declaración do estado de alarma, no cómputo do período mínimo de 60 días naturais ininterrompidos non se terá en conta o tempo de suspensión do contrato de traballo como consecuencia dun expediente de regulación de emprego que teña a súa causa na declaración do estado de alarma. Para determinar o período subvencionable, terase en conta o seguinte:
- Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada nos cales se cumpran os requisitosentre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020, ambos incluídos, co límite máximo de oito 8 meses, sempre que un dos períodos en redución de xornada sexa dun mínimo de 60 días naturais ininterrompidos, aínda que o resto dos períodos acumulables sexan inferiores a 60 días. No caso de familias non monoparentais, para o cómputo do período total subvencionable terase en conta o disposto na letra c) dos “Requisitos”
- O período para o cal se solicita a subvención non pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou do seu cónxuxe ou parella. De se producir este suposto, o período coincidente non se terá en conta no cómputo do período subvencionable. Excepcionalmente, no caso de que a parella desfrute o permiso de maternidade a media xornada, para o cálculo do período subvencionable so se considerará como período coincidente a metade do período do permiso por maternidade.
Contías máximas e duración das axudas:
A contía da axuda, de pagamento único, estará en función da porcentaxe de redución de xornada laboral que se solicite e da duración desta, que será como máximo de 8 meses:
Contía segundo poncentaxe de redución de xornada laboral (8 meses)
Fillos/as a cargo | De 12% ata 25% | Superior ao 25% e ata o 37,50% | Superior ao 37,50 ata o 50% |
1 | 1.700 euros | 2.800 euros | 3.100 euros |
2 | 2.000 euros | 3.100 euros | 3.400 euros |
3 ou máis | 2.300 euros | 3.400 euros | 3.700 euros |
Para o cómputo do número de fillos e fillas, teranse en conta unicamente os fillos e fillas menores de 12 anos, incluídos aqueles polos que se solicita a redución de xornada.
A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior a 8 meses.
Documentación:
Solicitude e anexos | Presentación electrónica na sede
- Anexo II. Para unidades familiares monoparentais exclusivamente. Declaración responsable de non convivencia co/coa proxenitor/a e con outra parella ou relación análoga.
- Anexo III: Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (cónxuxe ou parella).
- Certificado de empadroamento das persoas que viven no domicilio, agás que a non convivencia resulte acreditada noutros documentos achegados xunto coa solicitude e só para o caso de familias monoparentais que non dispoñan de certificado de monoparentalidade
- Documento da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (IDC, facilitado pola empresa) no cal se acredite a situación de redución de xornada por coidado de fillo/a menor durante o período polo cal se solicita a axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Mugeju etc.), certificación en que se acredite a referida situación en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica.
- Para o caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Mugeju etc.), certificación acreditativa equivalente á vida laboral relativa á persoa cónxuxe ou parella, en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica.
- De ser o caso, certificación ou resolución do recoñecemento do dereito do INSS relativa ao desfrute do permiso de maternidade en datas comprendidas entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020, ambos incluídos, da persoa solicitante ou da persoa cónxuxe ou parella, relativo ao fillo ou filla por quen se solicita a axuda, ou certificación acreditativa equivalente no caso doutro sistema de previsión social (Muface, Isfas, Mugeju etc.).
- Libro de familia completo ou inscrición no rexistro.
- Convenio regulador ratificado polo xulgado da nulidade, separación ou divorcio, se é o caso.
- Nos supostos de adopción, resolución xudicial pola cal se constitúa a adopción..
- Resolución administrativa ou xudicial de acollemento familiar dos fillos e fillas menores de 12 anos na dita situación, de ser o caso, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.
- Resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % dos fillos ou fillas menores de doce anos, de ser o caso, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.
Lugar de presentación:
- Preferiblemente a través da sede electrónica: https://sede.xunta.es
- En calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- Secretaría Xeral de Igualdade.
Prazo de presentación:
Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. Ata o 13 de xullo de 2020, por ser o 12 inhábil.
Prazo de resolución
O prazo para resolver e notificar será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada.