Programa de balnearios para o ano 2022

(DOG nº 192 do 7/10/2022) BS607A

Obxecto

Convócanse un total de 637  prazas para para as estadías e o tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2022, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos termais que se relacionan no anexo IV.

En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de 3 destinos por orde de prioridade.

Persoas beneficiarias

Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:

  1. Ser maior de 60 anos, ou de 55 e, neste caso,  reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
  2. Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
  3. Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa.
  4. Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
  5. Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
  6. Acadar, de conformidade co baremo, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.

Acompañantes

A persoa solicitante poderá ir acompañada de:

  1. O seu ou a súa cónxuxe ou, se fose o caso, a parella de feito ou persoa coa cal teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a) 
  2. Un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este o poida facer sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpra os requisitos, agás o da letra a).
  3. Unha persoa coa cal desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos.

As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Duración e servizos ofertados

As quendas teñen una duración de 10 días (nove noites) cada unha, realizaranse en réxime de pensión completa e comprenderán desde as 12:00 h. do día de chegada ata as 12:00 h. do día de saída.

O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o 1 de novembro e o 17 de decembro do ano 2022.

Servizos:

  1. Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido.
  2. Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada balneario no anexo IV, que comprenderán:
    1. Recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.
    1. Tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.
    1. Seguimento médico do tratamento.
  3. Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro ou termal.
  4. Póliza colectiva de seguro turístico.

O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento termal así coma o de regreso será por conta das persoas beneficiarias, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que oferte o balneario, se for o caso.

As persoas solicitantes que estean interesadas en aloxarse nun cuarto individual, no caso de que haxa dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza entre o prezo aboado e o prezo total dese cuarto. Tamén no caso de que á solicitude se xunte un informe médico actualizado en que constate algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira un cuarto individual.

As persoas solicitantes que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terán que indicalo no momento de presentaren a solicitude, nos termos do anexo I, e acreditalo ao incorporarse á quenda.

A participación nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento termal ou hoteleiro deberano facer as persoas beneficiarias polos seus propios medios e ao seu cargo.

Prezo

A Consellería de Política Social e Xuventude contribuirá ao financiamento do prezo total da estadía na praza coa achega dunha porcentaxe do seu custo en cada establecemento balneario entre un mínimo do 36 % e un máximo dun 43 %, dependendo do tipo de establecemento balneario. O resto do importe ata completar o custo da praza será por conta da persoa beneficiaria, segundo o establecido no anexo IV.

Documentación

Solicitude e anexos

  1. Copia compulsada do pasaporte, se procede, relativa á persoa solicitante e, se fose o caso, á que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.
  2. Copia do libro de familia da persoa solicitante no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.
  3. Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, de non ser expedido pola Xunta de Galicia ou non estivese no poder desta.
  4. Certificado das pensións non outorgadas polo INSS nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.
  5. Informe médico actualizado no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial (tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, cuarto individual …).

Para a tramitación consultaranse automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas sinalados no art.8.

Prazo presentación de solicitudes

10 días hábiles desde o día seguinte á publicación desta orde no DOG. Ata o 24 de outubro de 2022.

Lugar de presentación

  • Preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para o que é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
  • Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Adxudicación de estadías e forma de pagamento

Unha vez notificada a concesión da estadía na praza do establecemento balneario, para poderen facer uso dela as persoas beneficiarias teñen a obriga de confirmar por escrito, no prazo que se lles indique na resolución de concesión, a súa aceptación acompañada do xustificante de pagamento da cantidade de 30 euros que, en concepto de reserva de praza, se deba facer efectiva no establecemento balneario asignado.

As persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos establecidos, non obtivesen estadía nas prazas, quedarán incluídas nunha lista de espera, que estará publicada na páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude http://www.xunta.gal./politica-social, na que tamén se publicará unha lista de estadías nas prazas dos establecementos balnearios vacantes, que lles serán ofertadas por orde de puntuación ás persoas solicitantes que manifestasen no anexo I o seu desexo de participar nesta lista.

As persoas que formalizasen a súa adxudicación definitiva aboarán directamente no establecemento balneario, cando se incorporen á quenda, o importe resultante da diferenza entre a cantidade fixada como prezo para a estadía e os 30 euros achegados para a reserva.

Máis información sobre este programa

As persoas usuarias poden obter información sobre este programa no Teléfono social: 900 333 666

https://concellocoiros.com/wp-content/uploads/2022/10/folleto_programa_benestar_en_balnearios_2022.pdf