O Concello de Coirós executou as obras de mellora da eficiencia enerxética do Centro Social de Queirís, destinadas a reducir o consumo enerxético e as emisións de gases de efecto invernadoiro do edificio.
As actuacións realizadas incluíron a mellora da envolvente térmica mediante un sistema de illamento térmico exterior SATE, a renovación das carpintarías e dos acristalamentos, a substitución do sistema de calefacción existente por unha instalación de aerotermia, a incorporación dun sistema de ventilación con recuperación de calor e a mellora da instalación de iluminación mediante equipos de maior eficiencia enerxética.
A actuación enmárcase no programa de axudas PR486D para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, cunha financiamento do 80 % do gasto subvencionable, distribuído nun 60 % con fondos da Unión Europea, a través do programa Galicia FEDER 2021-2027, e nun 20 % con fondos propios da Xunta de Galicia. O 20 % restante corresponde á achega do Concello de Coirós.

