TARXETA BENVIDA

Orde do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declaradas en situación de garda con fins adoptivos no ano 2023, e se procede á súa convocatoria. (DOG nº 7 do 11/01/2023)

Con carácter xeral, a contía da axuda que reciben as familias a través deste programa é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do fillo. Esta duplícase no caso das familias numerosas e increméntase un 25 % no caso daquelas que viven en concellos de menos de 5.000 habitantes. Así mesmo, a achega pode estenderse ata os catro anos de vida do neno naqueles fogares especialmente vulnerables.

Estímase que oito de cada dez familias galegas están en condicións de recibir a Tarxeta Benvida, coa que poderán atender os gastos que supón o nacemento dun fillo, como a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berce e produtos de hixiene e farmacéuticos, entre outras necesidades.

A Tarxeta Benvida forma parte das medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para apoiar ás familias e que se engloban no Plan de Apoio á Natalidade (PAN): a gratuidade das escolas infantís, as casas niño, o bono coidado ou a cesta benvida.